Un instrumento necesario para ordenar a turistificación e avanzar na gobernanza participativa

O equipo da Universidade de Santiago dirixido polo catedrático Rubén C. Lois, no que participa o tamén catedrático de Dereito Financeiro e Tributario César García Novoa, propón a implantación dun imposto sobre as estadías turísticas na cidade

A alcaldesa de Santiago de Compostela, Goretti Sanmartín, xunto á concelleira de Turismo, Míriam Louzao, presentaron o pasado 4 de xullo o documento O imposto sobre estadías turísticas para Santiago de Compostela, un documento elaborado no marco do Plan de Sostibilidade Turística no que participaron o catedrático de Dereito Financieiro e Tributario César García Novoa e o tamén catedrático de Análise Xeográfica Rexional Rubén Lois, investigador principal do proxecto. “A sociedade de Santiago quere a taxa turística, é un clamor social”, afirmou a rexedora compostelá.

O documento presentado aborda, por unha banda, os datos turísticos que xustifican a implantación da chamada taxa turística. Neste sentido, o profesor Rubén Lois advertiu do “fortísimo” crecemento do turismo nos últimos anos e, especialmente, sinalou a súa “internacionalización”. Sobre esta cuestión engadiu que, precisamente, os turistas que proveñen doutros países están habituados á existencia dunha taxa ou imposto destas características.

Pola súa banda, César García Novoa explicou a proposta lexislativa que acompaña este documento para incidir en que o réxime xurídico estatal fai necesario que esta taxa sexa en realidade un imposto propio da Comunidade Autónoma que teña a condición de “tributo cedido” aos concellos, tal e como formula o documento.

A proposta inclúe varios tipos de gravame, que van dende 1 euro por unidade de estadía para hostais, pensións, pousadas, bloques e conxuntos de apartamentos turísticos estándar e o resto de hoteis rurais e cámpings ata os 2,5 euros para hoteis, hoteis apartamentos, hoteis balneario e hoteis talaso de 5 estrelas, gran luxo e catro estrelas superior. O resto dos tipos oscilan entre 1,5 euros e 2 euros, de forma progresiva en función do tipo de establecemento. Computaríanse un máximo de seis xornadas por persoa.

O anteproxecto de lei que acompaña o informe suxire que os ingresos derivados do imposto corresponderían nun 95% aos concellos que o apliquen e nun 5% ao Fondo para a Promoción do Turismo de Galicia. Outra das novidades que inclúe a proposta radica na gobernanza do tributo, tal e como explicou a concelleira Míriam Louzao. A xestora das competencias turísticas indicou que se pón o foco en tres foros de participación, recollendo as propostas e facendo do imposto (que deberá ser recollido nunha ordenanza municipal unha vez cedido ao Concello) un tributo transparente.

Podes descargar o informe completo aquí.