Catro grandes conclusións marcan o balance dos foros participativos


Canda unha visión maioritariamente positiva do turismo con marcadas diferenzas entre actores, amósase un amplo apoio á implantación da taxa turística, certa insatisfacción coa participación cidadá e un reto: é preciso aliviar a presión nas zonas máis conxestionadas, singularmente a cidade histórica.

A profesora María Xosé Piñeira e a concelleira Míriam Louzao presentaron o pasado 9 de xaneiro as conclusións dos tres foros participativos celebrados en novembro no marco do proceso de elaboración do Pacto Local por un Turismo Sostible. Trátase dun proxecto de colaboración entre a USC e o Concello de Santiago, co apoio da Xunta de Galicia e o Ministerio de Industria e Turismo, que ten como obxectivo dotar a capital de Galicia dun marco de gobernanza turístico de nova xeración. Catro grandes ideas vertebran este balance.

As achegas das case 50 entidades que participaron compoñen, en primeiro lugar, unha visión ponderada e maioritariamente positiva do papel do turismo en Santiago na que se aprecian, iso si, importantes diferenzas entre os axentes do sector e as entidades cívicas. Fronte a uns beneficios xenericamente asociados á dinamización económica e a creación de emprego, hai tamén voces que identifican con maior nitidez un amplo repertorio de externalidades negativas encabezado pola presión sobre o espazo público, a vida cotiá e os servizos públicos.

A taxa turística, en segundo lugar, goza dun amplo apoio entre as entidades. O máis salientable é que as participantes manifestaron unha certa preocupación sobre a fórmula para a súa implantación. Ademais tamén destaca que, entre as finalidades deste imposto, priorizan a mellora dos servizos básicos, o coidado do patrimonio e a mobilidade sostible.

O grande desafío para as entidades, en terceiro lugar, é a convivencia ou conciliación entre as actividades turísticas e a vida cotiá da cidadanía. Termos como “desconcentración”, “desestacionalización”, “diversificación” e “xestión de fluxos”, aparecen como as principais respostas á percepción, dominante, de que o casco histórico e as entradas do Camiño amosan síntomas de saturación.

Por último, en cuarto lugar, tamén se percibe claramente unha certa insatisfacción co grao de participación cidadá no deseño das políticas turísticas, especialmente entre os actores menos involucrados habitualmente. Reclámanse espazos e mecanismos estables para a participación, maior diversidade nas voces que se incorporan aos debates e decisións estratéxicas duradeiras, transparentes e fiscalizables.

Podes descargar a memoria completa dos foros participativos celebrados na seguinte ligazón.