Os pasados días 12, 13 e 14 de novembro tiveron lugar na Facultade de Ciencias da Educación tres foros participativos para intercambiar puntos de vista sobre o Pacto Local por un Turismo Sostible na cidade e dotar a capital galega dunha nova ferramenta de gobernanza turística. Estes foros están impulsados polo Concello de Santiago e mais a Universidade de Santiago (USC) a través do grupo de investigación Análise Territorial (ANTE) e o Instituto de Estudos e Desenvolvemento de Galicia (IDEGA). Ambas as dúas institucións están a colaborar no marco dun convenio que se inscribe, pola súa vez, no Plan de Sostibilidade Turística da capital galega.
Aos tres encontros foron convocadas máis de 80 entidades, dende asociacións veciñais, partidos políticos ou sindicatos até administracións, plataformas empresariais e outros actores do sector turístico, repartidas ao longo das tres xornadas mencionadas. Cada unha das persoas asistentes foi citada e sentada aleatoriamente nunha das catro mesas que se colocaron por xornada co obxectivo de que o intercambio de ideas e propostas fose diverso e plural.
As representantes foron diferentes en cada xornada, pero a estrutura foi idéntica en cada foro. Tras unhas palabras de benvida da concelleira de Turismo, Miriam Louzao, e do equipo da USC, representado por María José Piñeira e Miguel Pazos Otón, deuse paso aos catro bloques temáticos: beneficios e prexuízos, taxa turística, políticas turísticas e gobernanza do turismo. Desta maneira o grupo organizador pretendía lograr unha visión ponderada do fenómeno turístico centrando o debate nestas catro temáticas.
A estrutura tamén foi a mesma para cada bloque. En primeiro lugar, lanzáronse varias preguntas rápidas que cada representante debía contestar nunha aplicación móbil e posteriormente organizáronse microdebates de 10 minutos. Por exemplo, no caso do primeiro bloque, cada mesa tivo que poñerse de acordo para escoller tres beneficios e tres prexuízos do turismo. Debían anotalos en post-its ou nun papel e logo escoller unha voceira que comunicase ao resto das mesas as conclusións da súa propia.
Para rematar, pediuse ás persoas representantes que escollesen unha comisión de seguimento, isto é, un grupo representativo, mais sen capacidade decisoria, para contrastar os avances e resultados do proxecto. Para iso votaron a quen mellor consideraron dentro dunha listaxe conformada pola totalidade das entidades participantes. Proximamente comunicaranse os resultados da elección da comisión de seguimento e presentarase unha memoria coas conclusións dos foros.