O paraninfo da Universidade acolleu o 14 de xaneiro unha xornada pública na que unha ducia de persoas procedentes do ecosistema científico ibérico achegaron a súa perspectiva en torno aos retos en materia de vivenda, gobernanza, mobilidade e economía local.
A Facultade de Xeografía e Historia, na que se localiza o paraninfo da Universidade de Santiago, acolleu o pasado martes 14 de xaneiro a xornada científica ‘Os desafíos do turismo sostible’, organizada no marco do Pacto Local por un Turismo Sostible que impulsa o Concello de Santiago en colaboración coa institución académica a través do Instituto de Estudos e Desenvolvemento de Galicia (IDEGA) e o grupo de investigación ANTE – Análise Territorial. O evento tiña como principal obxectivo analizar desde diferentes puntos de vista a realidade turística actual, tomando como estudos de caso espazos como Madrid, Barcelona, Málaga, Granada, as Illas Canarias ou Porto. Así mesmo, tamén se pretendía debater como lograr transformar esta realidade nun modelo sostible e sostido no tempo e adaptado a Santiago de Compostela.
A benvida institucional correu ao cargo de Goretti Sanmartín Rei, alcaldesa da cidade, e Rubén Camilo Lois, catedrático de Xeografía pola USC e investigador principal do proxecto. Sanmartín enfatizou que o turismo está consolidado na capital galega e que non nos atopamos xa no momento de facelo medrar, senón que a prioridade agora debe ser ordenalo e minimizar a afección negativa que poida ter entre a veciñanza, especialmente a da cidade histórica. Seguindo esta idea, o catedrático apuntou que o problema non é o número de turistas, senón a súa concentración en determinados lugares a horas concretas, como é o caso da Praza do Obradoiro.
O conxunto da xornada estruturouse en catro bloques temáticos, todos eles cunha hora e cuarto de duración, tres poñentes e unha persoa coordinadora e presentadora. O primeiro punto a abordar foi o da vivenda, onde o turismo ten, sobre todo a través da proliferación de aloxamentos turísticos, que detrae oferta residencial, un impacto moi notable. Neste caso coordinou e presentou María José Piñeira (USC) e interviñeron Carles Donat (UAB), Isabel González García (UPM) e Ismael Irigoy (USC). Nas súas achegas insistiron na necesidade de dispoñer de diagnósticos rigorosos, evitar as perspectivas exclusivamente sectoriais e facerse cargo da complexidade do problema: non existen solucións máxicas nin se pode abordar tomando como referencia unicamente unha das súas expresións, sexa a carencia dun parque público homologable á media europea, sexa a notable cantidade de inmobles baleiros, por citar dous síntomas diferenciais do sistema español.
Ás 10:45h comezou o segundo bloque, dedicado á gobernanza. Coordinou e presentou Rubén Camilo Lois (USC), e tomaron a palabra a continuación María García Hernández (UCM), Enrique Navarro Jurado (UMA) e Guillermo Morales Matos (UC3M). Que podemos facer desde o local? Esta foi unha das preguntadas formuladas, facendo fincapé en que todo o fenómeno turístico non se pode ordenar só desde os concellos. Resaltouse que o turismo é un fenómeno complexo de gobernar, xa que afecta a moitos suxeitos implicados con intereses diferentes. As persoas conferenciantes insistiron na importancia de xestionar os medres descontrolados en aspectos como as prazas hoteleiras ou a nova morfoloxía dos centros urbanos (orientados ao turismo en detrimento das veciñas e veciños). Tamén tocaron outros aspectos como o papel das tecnoloxías na gobernanza ou a influencia do libre mercado na toma de decisións.
Tras unha pausa o café foi a quenda da mobilidade, bloque coordinado e presentado por Miguel Pazos Otón (USC) e integrado polas intervencións de Carme Miralles (UAB), Juan Carlos García Palomares (UCM) e Sofía Mendoza (URJC). Neste caso recalcaron a necesidade de ter en conta o turismo á hora de planificar o transporte, a importancia de saber xestionar o éxito turístico ou as vantaxes e os retos que supón o feito de que as aplicacións GPS ou as redes sociais recompilen datos sobre os lugares que visitamos. Así mesmo, abordaron conceptos como a vitalidade, a camiñabilidade, a turistificación e a capacidade de carga.
Por último, a xornada finalizou co bloque de economía Local, coordinado e presentado por Melchor Fernández (USC) nunha mesa composta por Asunción Blanco (UAB), José Alberto Río Fernandes (UP) e Teresa Sá Marques (UP). Cuestionaron se realmente é posible que o turismo sexa sostible ou máis ben hai que camiñar cara a un turismo adecuado. Insistiron na idea de inscribir esta cuestión no cambiante contexto internacional, tamén desde o punto de vista económico. Opinaron sobre que papel deben xogar os órganos municipais en decisións como a limitación ou non de determinados negocios en zonas turistificadas, que elementos se poden financiar coa taxa turística para mellorar a vida da veciñanza, ou como xestionar a auga e os residuos tendo en conta o impacto turístico.