O Pacto Local por un Turismo Sostible é un modelo de gobernanza turística de nova xeración para a cidade de Santiago de Compostela que debe reflectir toda a pluralidade e diversidade de actores interpelados pola actividade turística e o seu impacto na vida cotiá da cidade.
Propoñer un Pacto Local destas características, dotado con principios, valores, metas, boas prácticas e mecanismos de participación, é unha das misións da Universidade de Santiago na liña de colaboración que mantén co Concello no marco do Plan de Sostibilidade Turística.
Trátase de facer partícipes as persoas no desenvolvemento turístico de Santiago e converter a cidade nun referente internacional na xestión do turismo sostible, xerando un efecto demostración para outros destinos histórico-patrimoniais a través da posta en marcha dunha serie de proxectos e programas de carácter innovador.
A proposta será o resultado dun proceso de traballo que se desenvolverá ao longo de varios meses entre 2024 e 2025, e onde o equipo dirixido por Rubén Lois González, catedrático de Análise Xeográfica Rexional, combinará a análise de indicadores, a elaboración de informes, a consulta a persoas expertas, a celebración de xornadas científicas, a realización de enquisas e a escoita activa de ducias de entidades a través de foros participativos.
O proxecto articúlase mediante un convenio de colaboración entre o Concello e a Universidade no que tamén se están a estudar e acompañar outras políticas públicas comprometidas co turismo sostible, como a implementación dun imposto sobre estadías turísticas.
Equipo
Os traballos que conducirán ao Pacto Local por un Turismo Sostible de Santiago de Compostela desenvolvénse mediante un convenio de colaboración entre o Concello e a Universidade. Por parte da institución académica, o equipo de investigación está conformado polas seguintes persoas:
Rubén C. Lois González (IP)
María José Piñeira Martiñán
María de los Ángeles Piñeiro Antelo
Juan Gabriel Tirado Ballesteros
Iago Martínez Durán
Leticia García
César García Novoa
Miguel Pazos Otón
Lucrezia López
Carlos Alberto Patiño Romarís
Xulio Blanco Queijo