Plan de Sostibilidade

Plan de Sostibilidade Turística persegue impulsar a renovación do modelo turístico da cidade de Santiago de Compostela, sen deixar de afondar na conservación e o coñecemento do patrimonio e o Camiño de Santiago como elementos universalizadores da cidade. Para a renovación deste modelo é preciso establecer novas ferramentas de gobernanza e xestión turísticas para a capital de Galicia, propias dunha sociedade aberta e que impliquen as entidades públicas e privadas, a cidadanía, as persoas visitantes e outros territorios.

Entre os obxectivos do plan inclúense reconstruír a dimensión socio-económica do turismo da cidade a través da diversificación de produtos; ampliar públicos obxectivos e mercados; desestacionalizar a oferta; e impulsar o emprendemento e a formación de capital humano no sector con iniciativas baseadas na sostibilidade, a innovación e a incorporación de tecnoloxía.

Así mesmo, procúrase a mellora da calidade e variedade da oferta, mellorando a experiencia das persoas que nos visitan e a súa estadía media. Todo iso, mantendo como guía e obxectivo a transición ecolóxica do sector turístico.

O novo Plan de Sostibilidade Turística busca facilitar a implementación de accións correctoras, conxunturais e inmediatas sobre os efectos negativos do turismo e, ao mesmo tempo, fortalecer o turismo de calidade como piar económico da cidade e promover unha relación harmónica coas necesidades da poboación.

O obxectivo é maximizar a pegada positiva da actividade turística, en termos de retorno económico e recoñecemento de Santiago como destino patrimonial de referencia no ámbito internacional, e á súa vez minimizar as acción negativas que afectan á actividade cotiá da cidadanía local. Para iso é preciso estabelecer canles de comunicación e participación destinadas a visitantes, poboación local e outros actores sociais implicados de tal forma que se perciban os beneficios da actividade turística. O Plan de Sostibilidade Turística de Santiago de Compostela foi aprobado pola Secretaría de Estado de Turismo, a Xunta de Galicia e o Concello de Santiago de Compostela.