Lanzamos unha enquisa en liña para coñecer a visión da cidadanía sobre o impacto das actividades turísticas na capital de Galicia e como mellorar a súa gobernanza.
A participación cidadá é esencial para unha boa gobernanza do turismo. Esa é, de feito, unha das razóns de ser do Pacto Local por un Turismo Sostible no que estamos a traballar a Universidade de Santiago e o Concello no marco do Plan de Sostibilidade Turística. Pero tamén queremos contar coa visión da cidadanía na fase actual do proxecto, a de diagnóstico.
A celebración de tres foros consecutivos permitiunos o pasado mes de novembro implicar a máis de medio cento de entidades de todo tipo, dende colectivos veciñais ou culturais até plataformas empresariais, administracións públicas ou operadores de transporte. Toda esta información está recollida na memoria dos foros, dispoñible para consulta. A esta perspectiva queremos sumarlle agora a dos veciños e as veciñas co lanzamento dunha enquisa online.
O cuestionario, completamente anónimo e ao que se pode acceder premendo aquí, pretende coñecer mellor a visión das persoas que viven, traballan, estudan ou visitan regularmente Santiago de Compostela. Contén preguntas sobre os beneficios e os prexuízos do turismo, a taxa turística que está previsto implantar, a desigual presión turística que se manifesta nas diferentes zonas da cidade, as políticas sectoriais que se están a levar a cabo e a propia participación cidadá.
Este traballo de consulta e escoita activa estará aberto durante todo o mes de febreiro e completarase proximamente con outra enquisa especificamente dirixida ás persoas que visitan Compostela.