Máis de oitenta entidades están chamadas a participar en tres foros que reunirán administracións, asociacións empresariais, actores do ecosistema turístico, colectivos profesionais, partidos políticos, sindicatos, institucións, fundacións, asociacións culturais e veciñais e outras entidades do terceiro sector
O Concello de Santiago e a Universidade de Santiago estamos a traballar conxuntamente na construción dun Pacto Local por un Turismo Sostible. Trátase de dotar a nosa cidade dun modelo de gobernanza turística de nova xeración que nos axude, en base á pluralidade de perspectivas que poden achegar os diferentes actores implicados, a conciliar as potencialidades deste sector para o desenvolvemento económico e a creación de riqueza e emprego coas necesidades, as preferencias e a vida cotiá da veciñanza. É un dos obxectivos do Plan de Sostibilidade Turística que se está a desenvolver dende o Concello de Santiago en colaboración coa Xunta de Galicia e o Ministerio de Industria e Turismo.
Nestes intres o proceso atópase en plena fase de diagnóstico. Aos indicadores que describen a oferta e a demanda turísticas e o seu impacto na economía local, queremos sumarlle a visión do maior número de axentes políticos, sociais e económicos da cidade. Para facelo, ademais da realización de diversas enquisas, tanto ás persoas que nos visitan como ás que residen, estudan ou traballan aquí, celebraremos tres foros participativos aos que foron convidadas administracións, asociacións empresariais, actores do ecosistema turístico, colectivos profesionais, partidos políticos, sindicatos, institucións, fundacións, asociacións culturais e veciñais e outras entidades do terceiro sector.
Nestes foros, que se celebrarán os días 12, 13 e 14 de novembro na Facultade de Ciencias da Educación (Avenida de Xoán XIII), as persoas participantes poderán compartir o seu parecer sobre os beneficios e os prexuízos do turismo, a taxa turística que proximamente se implantará no Concello, as prioridades que deben guiar a política turística local nos próximos anos e como debe organizarse a participación no futuro Pacto Local. Estas opinións recabaranse mediante a formulación de preguntas de resposta individual e a apertura de espazos de debate en grupo. Ao final de cada sesión escolleranse as persoas que integrarán a comisión de seguimento coa que o equipo da Universidade contrastará en diante os avances e as conclusións do proceso.
A participación nos foros está restrinxida ás entidades convocadas. A asignación de cada unha delas ás diferentes citas fíxose de maneira aleatoria para garantir a maior diversidade e favorecer o intercambio de ideas. Se tes algunha pregunta ou achega que facernos sobre estes espazos de participación, podes fácernola chegar.