O encontro reuniu especialistas e representantes institucionais de entidades territoriais como Barcelona, a Comunitat Valenciana, as Illas Baleares, Granada ou Pontevedra para presentar diferentes modelos de gobernanza turística
O Paraninfo da Universidade de Santiago de Compostela acolleu o venres 13 de xuño unha xornada científica dedicada á análise de boas prácticas en turismo sustentable, coa participación de representantes institucionais e expertos de todo o Estado. A apertura correu a cargo de Rubén Camilo Lois, director do IDEGA, e Goretti Sanmartín, alcaldesa de Santiago.

O catedrático da USC puxo o foco na utilidade de analizar experiencias estatais de éxito para deseñar un sistema de indicadores que permitan avaliar tanto os problemas como as fortalezas do turismo en Santiago. Pola súa banda, a alcaldesa subliñou o avance cara a un modelo con maior gasto medio por visitante e unha menor concentración estacional, o que indicaría un cambio nas dinámicas do sector. Ademais, enfatizou a importancia de preservar o modo de vida da veciñanza e de protexer o tecido comercial de proximidade e os sectores básicos da cidade. Nas súas palabras: “O cambio de modelo turístico non é unha opción, é unha necesidade”.


A xornada dividiuse en dúas sesións ao longo da mañá, con tres conferencias en cada metade. O primeiro bloque foi presentado por Lucrezia López, directora do Centro de Estudos Turísticos (CETUR) da Universidade de Santiago de Compostela.
Na primeira intervención, Adolf Fernández (Ajuntament de Barcelona) expuxo o marco regulador para limitar as licenzas de vivendas de uso turístico. O plan delimita a cidade en catro ámbitos territoriais, tendo en conta factores como a densidade de poboación, a presión urbanística ou a presenza de focos de atracción turística. A partir deste esquema, e mediante ferramentas como o web scraping, puxeron en marcha un traballo multifocal de detección e sanción de anuncios de apartamentos sen licenza, nunha liña de monitorización e control pensada para protexer os intereses da veciñanza. A pesar dos avances, advertiu sobre os novos retos que supoñen os axentes infractores, que continúan buscando estratexias para eludir a inspección.


A seguinte conferencia, a cargo de Rosario Navalón, centrouse nas políticas de xestión e nas ferramentas empregadas no caso valenciano. A investigadora da Universitat d’Alacant puxo sobre a palestra o alto impacto medioambiental do turismo nas cidades e presentou distintas estratexias políticas desenvolvidas para mitigalo: desde avances normativos que establecen estándares de gobernanza e sustentabilidade, ata a elaboración de materiais de boas prácticas dirixidos a axentes locais como as oficinas de turismo. Tamén puxo en valor as ferramentas dispoñibles para a cidadanía en materia de accesibilidade e mobilidade, que permiten unha consulta inmediata e continuada; un exemplo de solución tecnolóxica orientada á convivencia coas zonas de maior presión turística.

A primeira metade da xornada finalizou coa intervención de Jesús González Pérez, que abordou o particular caso balear. O catedrático de Xeografía presentou as illas como un laboratorio onde se adiantan procesos sociourbanos que máis tarde se detectan na península, polo que estudar a súa evolución permite anticipar dinámicas futuras. Sinalou como principais preocupacións actuais a chabolización, a xentrificación, a zonificación e a elitización progresiva dos seus espazos urbanos. No caso específico de Eivisa, destacou a sobreintensificación do turismo e a grave crise da vivenda, con cifras que ilustran, citando textualmente ao investigador, “que un habitante precisaría destinar o 100 % do seu salario durante dez anos para acceder á propiedade dunha vivenda”, situando así a illa entre os primeiros postos estatais en custo por metro cadrado.
Tras o descanso, a segunda metade da xornada foi presentada e moderada por María José Piñeira (USC), quen deu paso á intervención de Belén Pérez sobre o caso de Granada. A investigadora centrouse en distintas ferramentas baseadas na participación cidadá. Subliñando que “os barrios teñen vida propia, non son museos”, explicou varias estratexias deseñadas para reducir o impacto do turismo para a veciñanza e para o comercio de proximidade. Ademais, destacou accións de revitalización e mellora da habitabilidade destes espazos a través de iniciativas de economía social, políticas públicas e experiencias desenvolvidas desde institucións educativas. Pechou a súa ponencia poñendo sobre a mesa certas tensións xeradas por estas propostas, ligadas a fenómenos como a sobreintelectualización que incitaban á sociedade a “sentir secuestrada a súa voz”.

Por último, César Mosquera compartiu a súa dilatada traxectoria na xestión da mobilidade e do espazo público no Concello de Pontevedra. Ao longo da súa intervención, formulou diversas preguntas e reflexións críticas, como a que puxo en dúbida o uso da expresión “conxestión óptima” aplicada ao contexto urbano. Para o caso pontevedrés, destacou a política restritiva fronte aos pisos turísticos xa limitada dende a década dos 90. Presentou tamén o modelo da cidade como un exemplo recoñecido internacionalmente, afastado dos límites de estrés urbano, e que sempre apostou por “investir en prevención e avaliación, non en paliativos”, prestando atención constante ao que acontece noutras entidades territoriais.

No coloquio final, un dos temas con máis participación foi o da reversión dos ingresos procedentes da taxa turística en beneficio da cidadanía. Para o caso catalán, expúxose como estes fondos, que superan os 100 millóns de euros, son destinados a servizos públicos, como o financiamento do Pla Clima, que permitiu instalar placas fotovoltaicas en centros educativos. No caso balear sinalouse a orientación dos recursos cara á protección do patrimonio natural e cultural, así como ao apoio a proxectos de investigación.
Como peche do acto, abordouse o problema fiscal das cidades, exemplificado no caso compostelán, cunha clara desviación entre a poboación censada e a que transita o espazo urbano. Como resposta, analizáronse medidas aplicadas noutros territorios, como o valenciano, e a creación de figuras estatutarias turísticas que permiten cuantificar a poboación flotante e adaptar as políticas públicas a este condicionante.


